sábado, agosto 11, 2007

¿A CANCIÓN DE AUTOR?

Leadbelly, Big Bill Broonzy, Jimmy Rede, Guthrie, Seger, Odetta, Dylan, Cohen, Joplin, Young, Waits…
José Afonso, Silvio, Milanés, Chabuca Granda, Baca, Yupanqui, Víctor Jara, Violeta Parra...
Chico Buarque,
Brel, Brasens, Ferré, Conte, Piaf, Becaud, Teodorakis, Aksu…

Se alguén non sabe o que é a canción de autor que escoite os discos de calquera nome desta lista.

Leadbelly

¿CANCIÓN DE AUTOR?
En último termo toda canción é canción de autor, toda canción ten un autor ainda que este sexa anónimo. Entón por que cando decimos "canción de autor" pensamos en Brel, Guthrie, Dylan, Violeta Parra ou Silvio Rodríguez e non nese exército de cantantes jilipollas que dá-nos vergoña dicer o seu nome? Quizais porque ese magma incesante de sons comerciais non teñan autor ou, o que é o mesmo, é indiferente saber quen é, porque ou é un memo, ou é un fillo de puta disposto a enriquecer-se coa idiotez allea.

SEMPRE HOUBO UN POETA CANTANDO os seus versos acompañado de calquera instrumento. A "lírica" proven do instrumento que acompañaba á palabra cantada.
Pola nosa tradición cultural, desde Homero até Tom Waits hai un longo camiño de case tres mil anos nos que o home se deixou seducir polas palabras musicadas. Un longo camiño que continua cos poetas de Asia Menor, Atenas, Roma, os goliardos, os xograis do medievo... e Jacques Brel. Sempre houbo "un autor" embelecendo os seus poemas con música, e un ouvinte embelecendo os seus sentimentos con cancións.

¿AUTOR? ¿ORIXINALIDADE?
DIFUNDIR IDEAS
BUSCAR O BEN COMUN
SER EFECTIVOS
Quizais os primeiros músicos que poderian pertencer a isto que hoxe chamamos "canción de autor" serian Leabelly e Big Bill Broonzy. Os dous eran negros e aos dous poderia -se-lles encuadrar dentro da tradición do blues acompañando-se a se mesmos con unha guitarra.
¿POESIA CANTADA?
Ben ou mal, cuñou-se a expresión "canción de autor" como sinónimo de "canción de calidade", e dado que a canción é palabra e comunicación, a "canción de autor" viria a pór en primeiro lugar a calidade das letras, dos textos, ou a calidade das ideas expresadas, da mensaxe. Leo Ferré, Yupanqui, Tom Waits..., escoitando ou lendo os seus textos podemos comprobar canta poesia, canta profundidade pode coller nunha canción. Ideas e agitación social, compromiso civil e denuncia, ética e poesia... a vida na sua totalidade cantada por aquilos que decidiron pór-lle música á análise lucida do seu tempo, da sua sociedade, da sua vida.

O HIP HOP É A ÚLTIMA corrente dentro da canción, puramente de autor. Quizais desde os primeiros "folksingers" norteamericanos nunca até a aparición do RAP, houbese outra música á que mais xustamente se lle poda dar o apelativo "de autor". A preponderáncia dos textos, a sua poesia cru e directa, a radicalidade das ideas expresadas, a denúncia das vergoñas do sistema,

o duro ataque ás formas de vida convencionais das sociedades desumanizadas do último capitalismo, a sua orixe nas bolsas marxinais dos afroamericanos excluídos da riqueza branca, a forte politizazón de moitos dos seus intérpretes... son todos riscos que aparecen nas orixes da canción de autor que , non casualmente, tamén xurdiu da marxinalidade negra de princípios do século XX. A sua extrema simplificazón musical, que reforza a importáncia dos textos, é a mesma, quizais mesmo menor, que o escueto acompañamento dos primeiros cantautores.

EN CALQUERA ESTILO PODE-SE SER UN IDIOTA OU UN POETA.
Cabe supor que a clave, nesa definición tan difícil de atopar, radica na calidade dos textos cantados. Isto subpón que a forma musical que acompañe a eses textos é infinita, cos distintos estilos e a sua ilimitada posibilidade de ser combinados, e mesmo de os inventar e reinventarlos mil veces. Desde a mais sinxela fórmula dos primeiros folksingers americanos coa sua guitarra ou o seu banjo transportabeis, até as complexas orquestrazóns sinfónicas de Leo Ferré, desde as operetas de Bertolt Brech e Kurt Weill ao gospel de Mahalia Jackson, desde as fusións de cabaret centroeuropeo con pop industrial de Tom Waits até o rock xa clásico do Sargente Peppers, desde o berro de "Gernika" de Mikel Laboa ao dor existencial de Violeta Parra... grandes e profundos rapsodas populares, compositores que definiron o noso tempo, os nosos soños, a nosa loita, os nosos sentimentos, que puxeron palabra, música e poesia á nosa vida, ás nosas utopias.

UN OLIMPO CON MULTITUDE DE DEUSES QUE cantan en todos os idiomas do mundo e son comprendidos por todos os homes do planeta.

JOE HILL: nunca antes del, nen despois, a canción foi levada até tal extremo de arma de combate na loita de clases. Este imigrante sueco, anarquista, activista sindical, infatigabel loitador en defensa dos desposeídos, coa sua guitarra e as suas cancións plantou-lle cara a ese capitalismo americano disposto a medrar ao prezo que fose, ainda que este prezo subpuxese a miséria, as condicións de traballo insuportábeis, a ruína e o paro para millóns de persoas. Con un espírito insobornabel e un esforzo heroico foi capaz de compor a banda sonora da vida dos desbotados do sistema, dos párias condenados a sobreviver a duras mágoas. Hoxe, cando os listiños de turno lograron convencer ás masas de que, entre os que se fican coa plusvalia do traballo e os que se deixan roubar esa plusvalia exista algo asi como un matrimónio de convéncia, o exemplo de loita, de entrega altruista e de canción de combate de Joe Hill fai que sigamos esperando que outra voz veña a continuar o seu labor.

WOODY GUTHRIE: é certo que antes que el estivo Leabelly, Broonzi, Red (casualmente os tres negros, o que resalta o carácter que, xa desde o princípio, tivo de loita, denuncia e reivindicación) e sobre todo Joe Hill de quen herda actitud revolucionária e utilizazón da canción como arma política. Woody Guthrie debe ser considerado o pai que entendemos hoxe por "canción de autor", "cantautor". Dylan é o fillo natural de Woody Wuthie.

PETE SEEGER: continua a herdanza de Joe Hill e Goody Woothrie e achega a canción de autor ao éxito popular e discográfico. Cancións como Guantanamera, Litle Boxes, We Shall Over Come, O Quinto Rejimiento... foron popularizadas en todo o mundo por el. Conduce as suas letras cara a utopia comunista e a militáncia política. É prendido durante a caza de meigas, que en realidade é a caza dos comunistas. Mentres Woody Guthrie estaba internado nun manicómio Pet Seger é o encarregado de pasar a lapa da canción de loita a Dylan, Baez, Odeta... cos que canta en concertos de protesta que chegan a ser multitudinários. Hoxe segue en activo, é un monumento vivo de dignidade, compromiso vital contra a inxustizas, incorruptibel, incansábel, e, como diria Bertolt Brech, un deses homes imprescindibeis porque loitan toda a vida. Clica para escoitar.

BOB DYLAN: leva a sinxela, reivindicativa e fascinante obra dos primeiros cantautores americanos que lle precede até un cume de expresividade, poesia, musicalidade e popularidade que eran difícis de imaxinar. Dylan é un xénio innato, un poeta impresionante e unha personalidade fascinante . Consciente da sua xenialidade e a sua audácia, foi capaz de evoluir, modificar-se , reinventarse e adaptase aos tempos que lle tocaron viver. Ás Veces enganou-se, ás veces perdeu-se, pero sempre rexurdiu das suas cinzas con unha maravilla inesperada.
A sua obra, moitas veces a pesar seu, se agranda co tempo. E se agrandará mais ainda cando se vexa libre del mesmo, o seu pior inimigo. É posíbel que se poda prescindir da metade dos seus discos, pero no seu haber está un puñado de obras mestras indiscutibeis
. Clica para escoitar


A SANTÍSIMA TRINDADE FRANCESA

Os tres deuses da canción de autor en francés son Brassens, Brel e Ferré. Seria difícil decidir quen é deus pai, quen é o fillo e quen o espírito santo.

GEORGE BRASSENS: os franceses amaron sobre todas as cousas a Brassens. El foi a conciencia ética do país, unha referéncia libertaria, sábia e asequibel, o pepiño grilo que nunca quixo sé-lo . Humor desenfadado e mordaz, o lirismo directo ao corazón de calquera, fustigador dos "pecados" nacionais, un espírito libre que desde a atalaya inexpugnabel de liberdade na que viveu, observou ao seu pobo, e puxo-lle na boca cancións para soportar os maus tempos, cancións para desfrutar dos bons e cancións para soñar os mellores.
Quizais por ser tan francés, resulte menos cosmopolita. Pero en el todo é autenticidade, e nada hai mais universal que a verdade
.Clica para escoitar.
JACQUES BREL: a grandiosa desmesura, o lirismo arrebatado, a desesperación existencialista, dor en estado puro convertido nunha poesia tan intensa, que doe. O desgarro que converte as feridas en cancións, a tristura en dardos, a sangre en versos, as vísceras en refráns , a raiva en música. Ver cantar a Brel é unha experiencia arrebatadora. Se transfigura, dramatiza, verte a alma en báguas e suor. Se metamorfosea nas suas personaxes, sofre-os, vive-os, morre-os.
El é o mariñeiro que cuspe ao ceu en "Ámsterdam", o home que se volta tolo de amor e odio ante a chegada de "Matilde", o noivo que arremete con selvaxe desprezo contra a estúpida família de Frida, en "Esa xente" ... e Don Quixote tolo, soñador, incansábel.
Jacques Brel é Deus, e mais que deus Zeus, Zeus que trevoa, Zeus que lostrega, Zeus que chove, que ama e odia, xusto e inxusto. Acusado de misántropo e de misóxino. Adxectivos que acostuman acompañar a aquilos que aman máis aló do humano e nunca atopan nese amor mais que o dor imposíbel.
As mais belas cancións que se criaron xamais as compuxo Jacques Brel. A mellor canción de amor, a mellor canción de desamor, a mellor canción de amizade, a mellor canción a un país, a mellor canción de morte... son cancións de Brel.
Cando soubeu que se ia morrer, buscou unha preciosa illa na polinesia, Nas Marquesas, nas que viver o seu último tempo. Até alá traía aos seus íntimos nun pequeno avión e el preparaba-lles magníficas ceas e longas conversacións. Se nacese en EE.UU. hoxe seria un mito universal, ao que Bob Dylan non lle chegaria á sola dos seus zapatos. Pero é posíbel que entón tivese a pretenciosidade, o engreimento, a empanada mística e a desmedida cobiza do xénio de Minnesota, e entón Brel deixaria de ser deus para ser só un xénio.
Todo en el foi sublime
.
Clica para escoitar
LEO FERRÉ: anarquista profundo, imenso trovador, romancista, poeta, compositor e director de música clásica. É unha personalidade inabarcabel e desconcertante. Contradictorio. Filósofo do tempo perdido, pensador obsesionado polo tempo aínda non vivido. O mais literário dos cantautores, construiu unha vida e unha obra dunha beleza e unha radicalidade absolutas. Converteu a loita de clases en imensos poemas arrebatados, tan profundos como belos, tan intensos como demolidores. É difícil que a utopia poda voltar a ser cantada con tanta fé, con tanta paixón e emoción, con tanta intensidade e lirismo. Ferré sobrecoge como un profeta vindo do futuro para cantarnos , en salmos infinitos, un futuro que es asi ou non será.Clica para escoitar
NO ESTADO ESPAÑOL

MiKEL LABOA, SERRAT, LLUIS LLACH, RAIMON, CARLOS CANO, AUTE, PATXI ANDINO, PEDRO GUERRA E
CAMARÓN:
Un diamante tirado a unha piara. Como levar a un porco á ópera, como regalarlle un Vermeer a un cego.
Tivo a má sorte de nacer nun país racista, inculto e estúpido. Unha aldea disposta a tolear con cantantes estranxeiros mediocres, cando non, bochornosamente maus, ignorando a un xénio cigano en contínuo estado de graza que respiraba arte, que sangraba cante Se ás sociedades puidese caérselles a cara de vergoña., a sociedade española levaria anos sen cara. Tan só hai ver quen triunfaban nas listas de éxitos e de vendas españolas mentres Camarón era ignorado. Igualmente patética resulta esa pandilla de yuppies e esnobes afeizoados ao jazz disposta a babear de elitismo con calquera falso improvisador negro, cando ignoraban, e ignoran aun, a un xénio da improvisación como Camarón
. Clica para escoitar

Camarón de la Isla rescatou o flamenco das mans dunha pequena e pechada camariña de afeizoados que o converteran nun culto selecto, minoritario, case segredo, e
especializado, e que se dedicaba a asistir ás pequenas capelas onde se cantaba bon flamenco. Devotos dunha confraria cuxo maior encanto, para eles, moraba en ser minoria. Coleccionistas de xenialidades descatalogadas, de xoias en laxe e vinilo, acabaron arroyados pola xenialidade de Camarón que conseguiu devolver o cante á seu pobo. E devolveu-llo non como bazofia populacheira, se non como arte total e xenial. Demostrando, entre outras cousas, que é posíbel a utopia de que o pobo pode consumir arte con maiúsculas, xenialidade sen concesions, sen que se conmocionen os cimentos da sociedade. E cando nos referemos a "o suu pobo", nos referemos ao pobo cigano (e en segundo termo ao pobo andaluz), os únicos capaces de apreciar o seu profundo sentido musical jondo. O resto da sociedade do estado español seguiu ignorando o seu legado.


A VECES INTERPRETAR TAMÉN É CRIAR

Cando Lewis Allen compuxo Stranger Fruit pensou en Billie Holiday " Árbores sureños susteñen un estraño fruto/ sangue nas follas e sangue na raiz..." En princípio ela foi reacia ao cantá-la . A letra semellaba-lle demasiado dolorosa. Acabou cedendo e converteu e criou sobre unha boa canción, unha canción xenial. Soubo engadir-lle coa sua interpretación toda a intensidade, o dramatismo, o berro desgarrado da inxustiza, a denúncia desesperada da opresión racista. Nunca antes que ela, nen nunca despois, se cantou o dor como en "Stranger Fruit". Desde o primeiro momento en que cantou esa canción o público a identificou con ela e entrou nos circuitos reservados para a canción de autor.
A pesar de que ela escrebeu magníficas cancións como "Billie´s blues", "Dont explain" ou "Fine and mellow" a sua mellor composición é a que criou sobre unha letra e unha música que non foran escritas por ela.

Clica para escoitar

Cando Om Kaltsum canta Ao Atlal, (As Ruínas) se para o corazón dos árabes ( e de todo aquel que o eurocentrismo cultural non fosilizou). Cando Om Kaltsum canta Ao Atlal a alma ardinte dos árabes tolea nun delirio que está mais allá da dita ou o dor. Cando Om Kaltsum canta Ao Atlal os árabes disolven a sua individualidade nun mar colectivo que se desborda en éxtase. Xamais se saberá como fose ese canto exaltado de morriña que lembra o amor perdido se ela non o cantase. O que si sabemos é, ao igual que no Strager Fruit de Billie Holiday, a imensa criación que realizou sobre un poema e unha música que ela non escrebera.
dúas creadoras aparentemente tan alejadas en cultura e tradición, e en realidade tan próximas, porque nos cumes mais altos collen moi poucos e os que alá chegan están moi xuntos.


Utopia Foro




No hay comentarios: